mércores, 17 de decembro de 2014

TEMA 5. ORIXE E FORMACIÓN DE PALABRAS


Morfoloxía
Orixe e formación das palabras
As palabras variables 1: o substantivo e o adxectivo
Índice de contidos
1. Orixe e formación das palabras
1.1. O morfema. Definición e tipos
1.2. A palabra
1.2.1. Etimoloxía do galego \(orixe do léxico\)
1.2.1.1. Elementos de substrato
1.2.1.2. Elementos de superestrato
1.2.1.3. Palabras patrimoniais, cultas e semicultas
1.2.2. Formación de palabras por procedementos internos
1.2.2.1. A derivación
1.2.2.2. A composición
1.2.2.3. A parasíntese
1.2.3. Os préstamos
1.2.3.1. Os castelanismos
1.2.4. Outros procedementos de formación de palabras
1.2.4.1. Onomatopeas
1.2.4.2. Abreviacións
1.3. As clases de palabras
2. As palabras variables (1): o substantivo e o adxectivo
2.1. O substantivo
2.1.1. Definición
2.1.2. O xénero do substantivo
2.1.3. O número do substantivo
2.2. O adxectivo
2.2.1. Definición
2.2.2. Graos do adxectivo

1. Orixe e formación das palabras

1.1. O morfema. Definición e tipos
Con esta unidade introducímonos no estudo das unidades da primeira articulación, é dicir, daquelas que posúen significado e significante.
Lembra que…:
As unidades da primeira articulación son os morfemas, as palabras, as frases, as cláusulas e as oracións.
O fonema, que estudamos no tema anterior, é a unidade básica da segunda articulación (non posúe significado, só significante).
Tendo en conta isto, definimos o morfema como a unidade mínima dotada de significado e de significante. Vexamos o seguinte exemplo:
gat- ‘animal’, ‘domesticable’, ‘felino’
-o- ‘macho’
-s ‘plural’
(sfdo. léxico)
(sfdo. gramatical)
referente significante: /g/-/a/-/t/-/o/-/s/ (fonemas) gatos (grafemas)
A palabra gatos está construída cos seguintes morfemas: o primeiro, gat-, infórmanos do significado léxico, é dicir, do contido significativo da palabra; o segundo, -o-, ofrécenos o contido respecto do sexo do animal, neste caso ‘macho’; o último morfema, -s, infórmanos sobre o número de animais a
que estamos facendo referencia (máis de un).
O significado da palabra, pois, refírese a ‘máis de un animal domesticable da clase dos felinos’. O significante constitúeno os fonemas que compoñen a palabra /gatos/, ou os grafemas que empreguemos para escribir a palabra (gatos). A imaxe do animal en si mesmo, como elemento do universo extralingüístico, constitúe o referente.

A parte da gramática que se encarga do estudo da estrutura das palabras, da análise do morfema ou morfemas que as constitúen é a morfoloxía.

Os morfemas poden estar formados por un ou varios fonemas.
Exemplos de morfemas constituídos por un fonema: a (prep.), e (conx.), -o (formante de xénero), -a (formante de xénero), -s (formante de número), etc.
Exemplos de morfemas constituídos por varios fonemas: pan, sal, andel, etc.
Un só morfema pode constituír unha soa palabra, como é o caso dos exemplos anteriores (pan, sal, luz, con, andel), ou unirse a outro ou outros morfemas para compoñer unha palabra: pan-adeir-o, em-pan-ar, etc.

Existen dous grandes tipos de morfemas: morfemas léxicos ou lexemas e morfemas gramaticais.

  • A) Morfemas léxicos ou lexemas: son os morfemas que presentan significado referencial (remite á realidade extralingüística). Neles atópase o significado central, que é común a todas as palabras da mesma familia léxica. Este significado atópase nos substantivos, adxectivos e nos verbos. Exemplos: neno, nena, nenez, pan, panadeiro, panadería, empanar, etc.


  • B) Morfemas gramaticais: son os que ofrecen o contido gramatical das palabras (xénero, número, tempo, persoa, modo e aspecto) e serven para modificar ou relacionar o significado doutros morfemas. Existen dous tipos de morfemas gramaticais:

  • .1) Morfemas libres (cando constitúen por si mesmos palabras, como as preposicións, conxuncións, pronomes, etc.)

  • .2) Morfemas ligados ou trabados (cando van soldados a morfemas léxicos, cos cales forman palabras). Hai dous tipos de morfemas ligados:

  • .2.1) Morfemas flexivos ou desinenciais: indican o xénero e o número das palabras nos substantivos, adxectivos, determinantes e algúns pronomes, e o tempo, modo, aspecto, número e persoa nos verbos. Permiten clasificar as palabras en categorías variables, sexan nominais (nomes, adxectivos, pronomes e determinantes) ou verbais (verbos), ou invariables (adverbios, preposicións e conxuncións). Sitúanse sempre á fin da palabra.

Repara en que…:
O mesmo morfema pode aparecer con marcas (ou morfos) distintas segundo as palabras de que forme parte; as diferentes marcas ou morfos que realiza o mesmo morfema chámanse alomorfos. Por exemplo, o morfema de plural está desenvolvido por diversos alomorfos:


-s: casa 􀃆 casas; camión 􀃆 camións
-is: azul 􀃆 azuis; tendal 􀃆 tendais
-es: fel 􀃆 feles; dócil 􀃆 dóciles
Ø: lápis 􀃆 (os) lápis
Repara en que…:
O signo Ø (morfema cero) indica a ausencia de marca de morfema flexivo; débese ter en conta que o morfema cero é tan significativo como os propios alomorfos.

Morfema léxico Morfemas gramaticais
Categorías nominais Xénero Número
nen- -o- -s
nen- -a- -s
Morfoloxía
nominal
alt- -o Ø
Morfema léxico Morfemas gramaticais
Categorías verbal Tempo/modo/aspecto Número/persoa
and + (a) -re- -mos
varr + (e) Ø -s
Morfoloxía
verbal
part- -a- -des


  • 2.2) Morfemas derivativos ou afixos: son os que se engaden ao lexema para formar derivados. Estes morfemas constitúen o procedemento máis habitual e efectivo de formación de palabras; son moitos e posúen múltiples valores significativos. Segundo a súa posición dentro da palabra, distínguese entre os afixos (prefixos e sufixos) e os infixos (interfixos):
  •  Prefixos: sitúanse antes do lexema. Teñen significados variables de negación (a/an-), anterioridade (ante-, pre-), interioridade (intra-, en/em-), etc., e caracterízanse porque non cambian nin a referencia nin a categoría gramatical da palabra da que derivan, só varían ou matizan o seu significado. Exemplo: inútil, a-nalfabeto, etc.

Prefixo Significado Exemplos
a- negación, privación amoral, ateo
ad- ao lado adxunto, adxectivo
bi- dúas veces, dous bilingüe, bígamo
biblio- libros bibliografía, biblioteca
des- contrario de despegar, desfacer
pre- anterioridade predicir, prehistoria
re- repetición refacer, retorcer
tri- tres veces, tres triloxía, tricampión

  •  Sufixos: sitúanse detrás do lexema. Posúen distintos significados, e distínguese entre os apreciativos e os non apreciativos ou alterativos:
  •  non apreciativos: engaden significados abstractos e modifican a referencia e a categoría gramatical da palabra da que proceden (son transcategorizadores). Exemplos:


Significado Sufixo Exemplos
-ame dentame, enxame
-al Pombal, piñeiral
-ado/a profesorado, alameda
-eiro/a cancioneiro, carballeira conxunto ou colectivo, abundancial
-axe plumaxe, equipaxe
-ción/sión alteración, agresión
  -mento casamento, pagamento,
-dura/tura andadura, licenciatura
locativo -ería/aría panadaría, confeitaría
profesións -án tecelán, artesán

  •  sufixos apreciativos ou alterativos: son un conxunto de sufixos que dotan a palabra de matices de afectividade. Son de diverso tipo: aumentativos, diminutivos e despectivos. Non modifican a referencia nin a categoría gramatical da palabra da que proceden e varían substancialmente o significado.

Para expresar diminución (diminutivos):
-echo/a gordecho
-elo/a cadelo
-ete/a banqueta
-iño/a rapaciña
-ico/a burrico
-ocho/a delgadocho
-olo/a raiola
-ote cachote
-ucho/a papelucho
Para expresar aumento (aumentativos):
-ón/ona mullerona
-azo/a cochazo, bombazo
Para expresar desprezo (despectivo):
-aco/a paxarraco
-acho/a fiacho
-exo lugarexo
-uco/a casuca
-ucho/a cuartucho
-uzo/a xentuza
-allo/a espantallo
-oupo/a casoupa

  •  Infixos ou interfixos: sitúanse entre o lexema e os afixos. Son elementos de unión que constitúen unha categoría especial posto que carecen de significado e, polo tanto, non poden considerarse morfemas. Exemplo: cafe-c-iño, fum-ar-eda, etc.


Lembra que…:
Todas as palabras que teñen un mesmo lexema e, polo tanto, unha parte do seu significado é común, forman unha familia léxica.
Lembra que…:
Os sufixos non apreciativos son transcategorizadores, é dicir, dan lugar a novas palabras que posúen distinto significado e pertencen a outra categoría ou clase de palabra distinta, pero que pertencen á mesma familia léxica:
rapaz (individual) 􀃆 rapazada (colectivo)
claro (adxectivo) 􀃆 claridade (substantivo)
terra (substantivo) 􀃆 enterrar (verbo)
pan (substantivo) 􀃆 empanado (adxectivo) 􀃆 empanar (verbo)
conversa (substantivo) 􀃆 conversador (adxectivo) 􀃆 conversar (verbo)
lousa (substantivo) 􀃆 enlousado (adxectivo) 􀃆 enlousar (verbo)

1.2. A palabra

É unha unidade lingüística constituída por un ou varios morfemas.
Caracterízase pola súa mobilidade no discurso, polo carácter inseparable dos seus elementos e a orde fixa dos morfemas que a constitúen.
A mobilidade fai referencia a que a mesma palabra pode ocupar distintas posicións no discurso: onte veu Xoán, Xoán veu onte, veu onte Xoán. O carácter inseparable e a orde fixa refírese a que non é posible nin separar as compoñentes internas dunha palabra nin ordenalas doutra maneira: daquela eramos novos, pero non daquela *eranovos *mos.

O corpus léxico é o conxunto de palabras dunha lingua. A parte da gramática que estuda o significado do léxico é a semántica, pero a que se encarga da forma das palabras (de como se constrúen, de onde proceden, etc.), como sabemos, é a morfoloxía.

O corpus léxico dunha lingua fórmase de diversas maneiras, que comentaremos nesta sección:

  • - por etimoloxía (orixe do léxico)
  • - por formación de novas palabras a partir doutras xa existentes (a través de mecanismos que xa dispón a propia lingua)
  • - por incorporación de palabras novas procedentes doutras linguas (préstamos)
  • - por onomatopeas
  • - por abreviación

1.2.1. Etimoloxía do galego (orixe do léxico)
O galego constituíuse como lingua, ao igual cás outras linguas románicas (castelán, catalán, italiano, etc.) no século VIII. O estrato é a base dunha lingua, é aquela variedade lingüística que dá orixe á maior parte do seu léxico, así como das súas estruturas sintácticas e gramaticais. No caso do  galego, a lingua de estrato é o latín, que foi introducido na Península Ibérica coa romanización a partir do século I (d.C.).
Pero tamén hai palabras máis antigas procedentes dos pobos prerromanos (lígures e celtas fundamentalmente), e outras posteriores que achegaron os pobos que viñeron despois da caída do Imperio Romano (principalmente xermanos e árabes).

  • 1.2.1.1. Elementos de substrato

As pegadas das linguas anteriores ao latín que chegaron até o galego de hoxe denomínanse elementos de substrato. O substrato divídese en dúas familias.

  1. Linguas preindoeuropeas: son as máis antigas, e teñen a súa orixe nos sistemas de comunicación da idade de pedra.
  2. Linguas indoeuropeas: trátase de linguas máis recentes, que nos deixaron algunhas palabras relacionadas cos pobos celtas. Destas linguas proceden moitas palabras comúns referidas a plantas e animais (carballo, amieiro, bidueiro, rodaballo, etc.), relacionados coa vida doméstica e agrícola (cabana, cabazo, carro, gándara, veiga, billa, burato, berce, etc.) e topónimos(Barallobre, Sillobre, Sar, etc.).


  • 1.2.1.2. Elementos de superestrato

Despois de caer o Imperio Romano, polo territorio galego pasaron diversos pobos que, sen chegar a substituír o latín, deixaron palabras, nomes de persoa e de lugar, sufixos, etc. Son estes elementos incorporados á nosa lingua despois da romanización os que reciben o nome de superestrato. Os principais que ten o léxico galego son o xermánico e o árabe.

  • Xermánico: produciuse durante os reinos suevo e visigodo, ao longo dos séculos V, VI e VII. Deixou restos en diversos terreos:

– Na onomástica: Afonso, Alberte, Elvira, Gonzalo, Henrique
– Na toponimia: presentan as terminacións específicas seguintes: -ar: Baltar, Gondomar -mil: Amil, Samil, Castromil -riz / -ris :Allariz, Guitiriz, Mondariz, Aldarís -monde / -munde: Baamonde, Rocamonde, Sismundi -rei / -ei: Forcarei, Guimarei  -áns / -ás / -an: Goián, Bertamiráns, Ramirás
-ulfe / -ufe / -oufe: Randulfe, Adoufe

No léxico común: palabras de uso cotiá e tamén relacionadas coa actividade guerreira: guerra, agasallar, pote, bando, xardín, falcatrúa, frecha, gabarse, gañar, roubar, helmo, laverca.

  • • Árabe: introduciuse na lingua a partir do século VIII e, en moitos casos, penetrou no galego a través do castelán ou do portugués, xa que o contacto directo do pobo árabe con Galicia foi moi escaso. De todos xeitos, quedaron elementos de superestrato árabe.

– Na Toponimia Sada A Mezquita Rábade Almuíña Atalaia
No léxico común laranxa xinete maquía azucre arroz albanel alicerce alcalde


  • 1.2.1.3. Palabras patrimoniais, cultas e semicultas

Como dixemos, a maioría das palabras do galego proceden do latín, pero non todas as palabras latinas que hai no galego se introduciron do mesmo xeito. De acordo coa evolución das palabras latinas presentes na nosa lingua, distinguimos tres grupos: patrimoniais, cultas e semicultas.

Palabras patrimoniais, popularismos ou patrimonialismo: forman parte do noso léxico desde a época da colonización romana. Son as palabras máis vellas e constitúen un conxunto moi numeroso. Experimentaron todas as evolucións (fonéticas e morfolóxicas) que se produciron no paso do latín ao
galego ao longo dos séculos e de xeración en xeración. As principais transformacións son:

LATÍN GALEGO EXEMPLOS
-n-,-l- intervocálicos ø CENA > cea; MOLA > moa
[p, t, k] intervocálicos [b, d, g] LUPU > lobo; FOCU > fogo
pl-, fl-, cl- iniciais ch- PLUVIA > chuvia; FLAMMA > chama
-ct- -it- TECTU > teito; LACTE > leite

Exemplos:
cheo que vén do latín PLENUM
enteiro que vén do latín INTEGRUM
ollo que vén do latín OCULUM
leite que vén do latín LACTEM
orella que vén do latín AURICULAM

Palabras cultas ou cultismos, tiveron unha incorporación máis tardía e
practicamente non sufriron evolución con respecto á súa forma latina orixinal.
Aparecen en rexistros cultos.
Exemplos:
pleno que vén do latín PLENUM
íntegro que vén do latín INTEGRUM
óculo que vén do latín OCULUM
lácteo que vén do latín LACTEM
aurícula que vén do latín AURICULAM

Palabras semicultas ou semicultismos, son palabras que entraron no idioma despois de que se formase e, aínda que sufriron transformacións, por ser de uso culto e, polo tanto, de escasa utilización, estas non foron tan intensas coma nas palabras patrimoniais.
Exemplos:
praga que vén do latín PLAGAM
fraco que vén do latín FLACCUM

Ao existiren palabras cultas, semicultas e patrimoniais derivadas da mesma base latina, orixínanse familias léxicas irregulares:
NOITE > noitiña, anoitecer, nocturna, noctámbulo, nocturnidade, etc.
LÚA > luar, luada, lunar, lunático, aluaxe, etc.

1.2.2. Formación de palabras por procedementos internos
O léxico non é inalterable nin fixo; ao longo do tempo vai experimentando transformacións, hai palabras que deixan de utilizarse, outras evolucionan e se modifican, e tamén se incorporan palabras novas.
Un dos fenómenos que se producen nas linguas é a construción de palabras a partir das xa existentes, para o cal se coñecen tres procedementos: derivación, composición e parasíntese.


  • 1.2.2.1. A derivación

A derivación é o procedemento de formación de palabras consistente en engadirlle a un lexema prefixos e/ou sufixos.
Fíxate neste grupo de palabras: pan, panadeiro, panadería, empanar, empanada, panificadora, etc.
Como ves, todas elas teñen unha parte común (pan) que é o seu lexema ou raíz.

As demais palabras formáronse engadindo morfemas derivativos (afixos e infixos) a un lexema, procedemento que xa comentamos.
Lembra que…:
Os procedementos derivativos máis comúns son a prefixación e a sufixación. Como dixemos, os prefixos colócanse diante do lexema para formar palabras novas. Recorda que os sufixos van detrás do lexema para formar palabras novas.

  • 1.2.2.2. A composición


Fíxate agora na formación destoutro grupo de palabras:
xordo + mudo = xordomudo
tapa + cubos = tapacubos
afía + lapis = afialapis
A composición é un procedemento de formación de palabras novas consistente na unión de dúas ou máis palabras ou morfemas léxicos.
As palabras compostas escríbense xeralmente sen guión; unicamente levan guión os compostos ocasionais, non fixados na lingua (histórico-político) ou de orixe estranxeira non adaptados (foie-gras, fox-terrier).
Repara en que…:
Os compostos sen guión actúan, a efectos de acentuación, como se se tratasen dunha soa palabra porque, de feito, si o son (palabras compostas). As palabras compostas unidas por guión, en cambio, actúan como se fosen dúas palabras separadas (lúdico-festivo).

Moitos termos compostos que se utilizan na terminoloxía técnica e científica están formados pola combinación de raíces de orixe grega ou latina que non adoitan ter a posibilidade de apareceren formando unha palabra independente. Coñécense como compostos eruditos:

oftalmoloxía: oftalmo (ollo) + loxía (tratado)
hidrófugo: hidro (auga) + fugo (que fai fuxir)
bípede: bi (dous) + pede (pé)


  • 1.2.2.3. A parasíntese

Aínda que ás veces se considera un terceiro mecanismo de formación de palabras, a parasíntese é en realidade un tipo especial de derivación, no que se dá, á vez, prefixación e sufixación ou composición e derivación.
Fíxate nos exemplos:
pica + pedra + eiro = Picapedreiro (*picapedra/*pedreiro)
a + claro + ar = aclarar (*aclaro/*clarar)
sete + mes + iño = setemesiño (*setemés/*mesiño)
Non se debe confundir este mecanismo de formación de palabras con aquelas en que só se dá primeiro prefixación e despois sufixación, en cuxo caso non estariamos ante parasíntese:
militar 􀃆 militarista 􀃆 antimilitarista
nome 􀃆 pronome 􀃆 pronominal

1.2.3. Os préstamos
Cando aos usuarios dunha lingua lles cómpre nomear novas realidades, poden recorrer a palabras doutras linguas. Estas palabras denomínanse préstamos ou empréstitos e incorporámolas para designarmos conceptos, ideas, obxectos, seres, etc., anteriormente descoñecidos para nós.

Normalmente os préstamos clasifícanse en:

  • • Préstamos necesarios: son aqueles que se introducen na lingua ante necesidade real de designar novos conceptos e obxectos. Poden adoptar tres formas.

Inalterados ou estranxeirismos: manteñen a grafía e fonética estranxeiras: software (ing.), naïf (fr.), adagio (it.), kitch (al.)
Adaptados: acomodan a grafía e fonética ao galego: penalti (<ing.), clixé (<fr.), karate (<xap.), escaparate (hol.)
Calcos: traducións literais das voces estranxeiras: baloncesto (basketball), rato (mouse, referido ás computadoras), rañaceos (skyscraper), balonmán (handball).


  • Préstamos innecesarios ou barbarismos: son aqueles que nonresponden a unha necesidade real de designación posto que xa o idioma posúe termos de seu. Algúns empréganse pola interferencia de linguas en contacto, como ocorre en galego co castelán: *rodilla (castelán) por xeonllo (galego), *iglesia por igrexa, *pueblo por pobo, etc. Outros pola influencia dunha lingua en expansión por motivos comerciais, culturais, etc., como acontece co inglés: *parking por aparcadoiro, por exemplo. É obvio que estas formas son espurias e deben ser evitadas.
LINGUA DE ORIXE PRÉSTAMO
Francés (galicismos) chaqueta, hotel, bombón, bechamel, garaxe, burocracia, sofá, flan, bricolaxe, menú
Inglés (anglicismos) folclore, córner, chárter, stop, hamburguesa, bit, pudin
Italiano (italianismos) acuarela, sentinela, terceto, piloto, espaguete, pizza, capitán
Alemán (xermanismos) cuarzo, cinc, níquel, bigote
Castelán (castelanismos) tortilla, bocadillo, desaire, guerrilla, zarzuela
Catalán (catalanismos) fideo, cantimplora, capicúa, nao, paella, ensaimada
Éuscaro (vasquismos) angula, chistera, boina, chabola
Linguas amerindias chocolate, cacao, puma, canoa, cóndor, manís, tomate


1.2.3.1. Os castelanismos
No caso particular do galego, debemos facer especial mención ao fenómeno de contacto lingüístico que se produce co castelán. Derivado desta situación, o castelán vai recibir palabras do galego (galeguismos) e viceversa, o galego vai recibir palabras procedentes do castelán (castelanismos). Debido á gran cantidade de interferencias que se producen, introdúcense no galego moitas máis palabras procedentes do castelán do que realmente é necesario, que acaban substituíndo as formas propias galegas. Este tipo de préstamos innecesarios reciben o nome de castelanismos plenos. Poden contabilizarse por milleiros e constitúen a ameaza máis seria para a continuidade das formas
autóctonas do galego.
Dos castelanismos que se utilizan na actualidade non todos presentan o mesmo grao de implantación (e, polo tanto, o mesmo grao de dificultade para a súa eliminación), xa que uns están moito máis estendidos ca outros. Podemos agrupar os castelanismos en varios tipos segundo a súa natureza sexa fonética, morfolóxica, sintáctica ou léxica. A continuación estudaremos polo miúdo os diferentes tipos de castelanismos.
Ten en conta que as formas que aparecen con asterisco (*) son os castelanismos plenos e, polo tanto, formas incorrectas que debemos evitar.
Castelanismos fonéticos
Son os menos numerosos, xa que se dan en moi poucos falantes. Repara en que só podemos falar de castelanismos fonéticos naquelas persoas que non posúen un sistema vocálico de sete elementos, isto é, que non diferencian entre as vogais medias abertas (/D/ e /N/) e as vogais medias pechadas (/e/ e /o/).
Estas persoas van pronunciar igual “vén” do verbo vir (con vogal media aberta /D/) que “ven” do verbo ver (con vogal media pechada /e/); ou tamén van pronunciar igual “óso” do esqueleto (con vogal media aberta /N/) que “oso” mamífero (con vogal media pechada /o/).

Castelanismos morfolóxicos
Afectan sobre todo aos nomes e aos verbos. Nos nomes son abundantes dous tipos de castelanismos:
1) Os castelanismos que afectan ao xénero (por exemplo: *a sangue / o sangue, *a leite / o leite, *o viaxe / a viaxe, *a mel / o mel, *a nariz / o nariz).
2) Os castelanismos que afectan ao número (por exemplo: *as leises / as leis, *os caracoles / os caracois).

Nos verbos podemos sinalar varios tipos de castelanismos moi frecuentes:
1) A utilización incorrecta de tempos compostos co verbo “haber” no canto das formas simples galegas (por exemplo: *había camiñado moito / camiñara moito).

2) A conxugación incorrecta dos verbos irregulares (por exemplo: *andiven / andei, *tuven / tiven, *sabrán / saberán, *obedezco / obedezo, *conduxen / conducín).

3) O emprego de verbos con valor reflexivo cando na nosa lingua non son reflexivos (por exemplo: *sentouse no sofá / sentou no sofá, *caeuse pola rúa / caeu pola rúa, *casouse o sábado / casou o sábado).

4) O emprego da preposición a na perífrase IR + INFINITIVO (por exemplo: *imos a ir ao cine / imos ir ao cine, *van a facer unha viaxe / van facer unha viaxe).

Castelanismos sintácticos
Aínda que non son moi numerosos, os máis frecuentes son os seguintes:

1) A non utilización do artigo acompañando o posesivo (por exemplo: *meu compañeiro / o meu compañeiro).

2) A confusión entre os pronomes te (CD) e che (CI) (por exemplo: *saudeiche / saudeite, *dixéronte / dixéronche, *vinche pola rúa / vinte pola rúa).

3) A colocación incorrecta dos pronomes átonos (por exemplo: *Me chamas cando chegues / Chámasme cando chegues, *Nunca cómprache agasallos / Nunca che compra agasallos, *Dille que quérolle pedir un libro / Dille que lle quero pedir un libro).

Castelanismos léxicos
No léxico é sen dúbida ningunha onde se rexistra o maior número de castelanismos, até tal punto que mesmo chegan a ser sentidos como formas propiamente galegas.
Convén ter presente que todos os castelanismos son rexeitables e que para falarmos correctamente debemos empregar as formas propias do noso idioma. Para o estudo dos castelanismos léxicos imos diferenciar varios grupos:

1) Castelanismo léxico que convive coa forma galega:
Nestes casos a forma galega vai restrinxindo o seu significado pola influencia da forma castelá. Os prexuízos diglósicos actúan sobre o léxico galego dificultando ou impedindo que a palabra tradicional teña lugar un cambio de expansión de significado para designar os novos obxectos e as novas realidades. A continuación ofrecémosche varios destes castelanismos moi estendidos:

billa (do viño, nos pipotes e bocois) / *grifo (da auga)
tixola (para a de ferro) / *sartén (para as de material moderno)
cana (talo das plantas) / *caña (utensilio de pesca)
moa (peza dental dos animais) / *muela (peza dental das persoas)

2) Castelanismo que se expande sobre a forma galega:
Cando existen en galego dous sinónimos e un deles coincide co castelán, polo regular este é o que ten máis uso, mentres que a forma exclusiva do galego se vai perdendo ou ve como o seu significado vai sendo restrinxido aos poucos.
Un bo exemplo disto é o que acontece coa parella de palabras beizos e labios: beizos pasou a aplicarse só aos animais como sinónimo de fociños e reservouse labios, forma coincidente co castelán, para aplicalo ás persoas.

3) Introdución de formas castelás disfrazadas:
Introdúcense baixo a aparencia de galegas. Este tipo de castelanismos nace de transformacións fonéticas. Nestes casos, houbo un dobre proceso: a substitución do termo patrimonial pola palabra castelá e, a continuación, a adaptación do castelanismo á fonética galega.
Nos casos en que conviven as dúas formas, a galega ve restrinxido o seu significado. Por exemplo, emprégase a palabra parella para os bois, e o castelanismo *parexa para as persoas. coello / *conexo parella / *parexa antollo / *antoxo baralla / *baraxa concellal / *concexal lentella / *lentexa

4) Castelanismo que substitúe a forma galega:
É o caso extremo. Nas zonas ou nos falantes máis castelanizados descoñécese a forma galega e séntese o castelanismo como voz propia do galego, isto é, como palabra patrimonial.

Deus / *Dios pobo / *pueblo
xeonllo / *rodilla culler / *cuchara
igrexa / *iglesia rúa / *calle

Nalgúns casos, os fonemas empregados xa os denuncia como alleos ao léxico galego, mais isto non impide a súa penetración na fala de moitos de nós.
Aquí tes algúns exemplos:

xoves / *jueves sorte / *suerte
forte / *fuerte exemplo / *ejemplo

Neste tipo de castelanismos, xa non se dan nin a convivencia coa forma correcta da nosa lingua, nin tampouco o “enmascaramento” ou falsa adaptación como nos outros grupos que vimos de ver, e por iso reciben o nome de castelanismos plenos.

Os prexuízos lingüísticos condicionan o uso destes castelanismos de formas singulares, e así pode darse o caso de que un falante nun contexto concreto empregue as voces patrimoniais e ante determinados interlocutores pase a substituílas por castelanismos.
Lembra que…:
Todas estas palabras que che indicamos con asterisco son castelanismos e, polo tanto, non existen no noso idioma e debemos rexeitar o seu uso.

1.2.4. Outros procedementos de formación de palabras
1.2.4.1. Onomatopeas
É aquela palabra ou conxunto de palabras creadas convencionalmente cuxa pronuncia ten a finalidade de imitar o son que produce unha acción.
Exemplos típicos son: bum!, clic!, crac!
É moi característico o uso das onomatopeas nos cómics, por exemplo, e tamén na linguaxe común para representar os sons que producen os animais.
De feito, a orixe de moitos dos nomes que denominan o son que producen os animais é onomatopeica:

Abella: zumba, zoa.
Asno: ornea.
Avespa: zumba
Becerro: berra, brada.
Boi: brúa, brama, berra, brada,
esborreca, múa.
Cabalo: rincha.
Cabra: bea, berra, mea.
Can: ladra, late, gruñe
Cordeiro: bea.
Corvo: corvea, croa.
Elefante: barrita.
Galiña: cacarexa.
Galo: canta, cacarexa.
Gato: miaña, bufa, rosma, roña.
Gorila: gruñe.
León: ruxe.
Lobo: ouvea.
Loro: rasquiza, croa.
Mono: berra.
Moucho: ouvea, oulea.
Oso: gruñe.
Ovella: bea, berra, mea.
Parrulo: gralla, corvea.
Paxaro: trila, chía, chirla, pía,
rechouchía.
Pomba: arrola, rula.
Porco: ronca, ruxe.
Ra: croa.
Rinoceronte: barrita.
Serpe: asubía.
Vaca: brúa, brama, berra,
brada, esborreca, múa.

1.2.4.2. Abreviacións
Por economía lingüística, moitas veces créanse palabras novas por abreviación doutras xa existentes. Existen diversos tipos de abreviacións:

Abreviamentos: prodúcense cando se pronuncia só parte dela. Este procedemento utilízase sobre todo en niveis de lingua coloquiais aplicadosprofe (profesor), bici (bicicleta), tele (televisión), Barna (Barcelona), Ponte (Pontevedra).

Siglas: abreviación dun sintagma que se forma unindo as letras iniciais de cada elemento do sintagma. Débense escribir todas as letras da sigla en maiúscula. Por exemplo: CD (do inglés compact disc, ‘disco compacto’), ESO (‘Educación secundaria obrigatoria’), ONU (‘Organización das Nacións Unidas’).
Moitas das siglas existentes na nosa lingua están lexicalizadas, é dicir, convertéronse xa en denominación común do sintagma que representan.
Nestes casos, escríbense en minúscula. Exemplos: láser (‘light amplification by stimulated emission of radiation’), sida (‘síndrome de inmunodeficiencia adquirida’), talgo (‘tren articulado ligero Goicoechea-Oriol’).

Acrónimos: ao lado das siglas, existe outro procedemento de formación de palabras moi similar, que se forma cando un sintagma se abrevia pero tomando varias letras ou sílabas completas dunha ou de varias palabras que constrúen o enunciado. Estes débense escribir só en maiúscula a letra inicial.
Exemplos: Inem (Instituto Nacional de Emprego), Inserso (‘Instituto de Servizos Sociais’), Sergas (‘Servizo Galego de Saúde’).
Moitos acrónimos tamén se lexicalizan, de modo que se poden escribir en minúscula, como se dunha palabra común se tratase: radar (‘radio detection and ranging’), bit (‘binary digit’), modem (‘modulator demodulator’).


1.3. As clases de palabras
Adóitanse considerar as categorías xerais seguintes:
Substantivos
Adxectivos
Verbos
Adverbios
Preposicións
Conxuncións
Artigos
Demostrativos
Posesivos
Numerais
Indefinidos
Exclamativos
Interrogativos
Para delimitar entre si estas categorías, empréganse tres criterios:
Semántico: as palabras clasifícanse nalgunhas das categorías anteriores atendendo o significado xenérico que expresan.
Funcional: ou sintáctico, as palabras defínense de acordo coa función que desempeñan normalmente na cadea sintáctica.
Formal: ou morfolóxico, dependendo dos tipos de morfemas que conforman a estrutura interna de cada clase de palabras.
De todos tres criterios, á hora de identificar clases de palabras o máis fiable é o formal. De feito, se observamos o criterio semántico, podemos comprobar que existen palabras que se sitúan nunha categoría de palabras pero expresan propiedades doutra. Por exemplo, os verbos son o conxunto de
palabras que expresan accións, pero temos que existen substantivos como negación (‘acción de negar’) que se poden definir baixo este parámetro; tamén o substantivo brancura (‘calidade de branco’) expresa unha propiedade característica dos adxectivos. Ademais, desde o punto de vista funcional, pensemos que unha mesma clase de palabras pode desempeñar diversas funcións nunha oración, e viceversa, unha función pode ser desempeñada por diversas clases de palabras.

Nos vindeiros apartados, analizaremos as distintas categorías de palabras partindo dos criterios formais, funcionais e semánticos.


  • Os substantivos, como veremos, son aquelas palabras que denominan conceptos non determinados, clases de obxectos, ideas en abstracto, etc. (nena, coche, sabedoría, etc.); non apuntan a un obxecto ou idea en concreto, non se refiren a unha casa, ou á miña ou túa casa.


Para referirnos a un obxecto ou idea en concreto, cómpre recorrer á determinación, fenómeno polo cal a través dunha serie de elementos existentes nas linguas, que agora veremos, se identifica un referente concreto do substantivo dentro do conxunto de todos os referentes que potencialmente sinale tal substantivo (home 􀃆 ese home). Os elementos que determinan o substantivo son o adxectivo, o artigo, o demostrativo, o posesivo e os cuantificadores. Segundo a clase de palabra, prodúcense diferentes tipos de determinación:
Actualización: o artigo utilízase para concretar ou sinalar un obxecto coñecido de entre os da súa clase: nena 􀃆 unha nena, sabedoría 􀃆 a sabedoría.

Deíxe: é a propiedade que posúen algúns elementos (neste caso, demostrativos e posesivos) para sinalar espacial e temporalmente no discurso desde a posición dos interlocutores: esta nena, a miña casa, aquela vez.

Cuantificación: especifica a cantidade de elementos aos que nos estamos a referir mediante o uso de numerais e indefinidos: catro casas, moita sabedoría.

Cualificación: os adxectivos ou elementos con valor adxectivo especifican algunha propiedade do elemento referido: a casa grande
(adx.), a casa que aluguei (relat.).

2. As palabras variables (1): o substantivo e o adxectivo
2.1. O substantivo
2.1.1. Definición
O substantivo é unha categoría gramatical que se emprega para designar entidades, sexan reais ou imaxinarias, tanto de obxectos concretos (persoas, obxectos, etc.) como abstractos (sentimentos, seres, etc.).
Segundo o significado, os substantivos poden ser clasificados en:

  •  común propio
  •  concreto abstracto
  •  individual colectivo 
  •  contable incontable


Desde o punto de vista funcional, o substantivo é o núcleo (N) da frase nominal (FN), grupo de palabras que posúen como elemento central o substantivo e que, ademais, está formado por un determinante (DET) e un modificador (MOD). En o neno loiro (FN), neno actúa como núcleo e aparece modificado polo determinante (o) e o modificador (loiro).

Hai palabras doutras categorías gramaticais que, en determinados contextos, pasan a funcionar como substantivos. A este proceso coñéceselle como substantivación. por exemplo:

Verbo en infinitivo Comer é necesario
Adxectivo O malo é se non o lembra
Adverbio Os sis gañáronlles aos nons
Preposición Cómpre valorar os pros e os contras
Conxunción Atopoulle moitos peros a ese asunto

Común Designa as cousas ou seres da mesma especie: nena, home, río, vila, etc.
Propio Designa de maneira individual un ser ou unha cousa dentro da súa especie: Carme, Xurxo, Eume, Cambados, etc.
Concreto Refírese a realidades que se poden percibir polos sentidos: man, cadeira, libro, mar, fada, etc.
Abstracto Refírese a ideas, sentimentos ou calidades que non se poder ver nin tocar: dor, amor, ledicia, intelixencia, piedade, etc.
Contable Nomea realidades que se poden contar: persoa, flor, folla, etc.
Incontable Nomea realidades que non se poden contar: auga, sal, madeira, terra, etc.
Individual Remite, en singular, a unha soa cousa ou ser: soldado, formiga, ovella,
véspera, piñeiro, etc.
Colectivo Remite, en singular, a un conxunto de cousas ou seres da mesma especie:
exército, formigueiro, rabaño, enxame, piñeiral, etc.

Formalmente, os substantivos son palabras que admiten morfemas de xénero e número que se engaden ao tema ou lexema; polo tanto, son palabras variables. Segundo a composición morfolóxica (formantes), falamos de substantivos de varias clases:

• Simples: constan dun só lexema. Tamén poden aparecer morfemas gramaticais (de xénero ou de número).
carball-(lexema) -o(morfema de xénero) -Ø(morfema de número)
fume(lexema) -Ø (morfema de xénero) -Ø(morfema de número)
fill-(lexema) -a-(morfema de xénero) -s(morfema de número)

• Derivados: se, ademais do lexema (e morfemas gramaticais, de
habelos), no substantivo hai morfemas derivados (sufixos, prefixos ou interfixos).
carball-(lexema) -eir-(sufixo) -a(morfema de xénero) -Ø(morfema de número)
pre-(prefixo) -galegu- (lexema) -ista(sufixo) -Ø (morfema de xénero) -Ø(morfema de número)
fill-(lexema) -astr-(sufixo) -a-(morfema de xénero) -s(morfema de número)

Compostos: cando nun mesmo substantivo hai máis dun lexema.
vaca-(lexema) - lour-(lexema) -a-(morfema de xénero) -s(morfema de número)
ollo-(lexema) -mol(lexema) -Ø(morfema de xénero) -Ø(morfema de número)
alto-(lexema) -falante(lexema) -Ø(morfema de xénero) -Ø(morfema de número)

• Parasintéticos: se hai máis dun lexema e algún morfema derivativo.
par-(lexema) -augu-(lexema) -eir-(sufixo) -o(morfema de xénero) -Ø(morfema de número)
tele-(lexema) -fon-(lexema) -ista(sufixo) -Ø(morfema de xénero) -Ø(morfema de número)

Lembra que…:
Ademais dos morfemas de xénero e número, como vemos, os substantivos poden presentar outros morfemas, apreciativos (diminutivos, aumentativos e despectivos) e derivativos, xa vistos no apartado precedente.

2.1.2. O xénero do substantivo
Fíxate nos seguintes substantivos: mestre, mestra, mestres, mestras.
Nesta serie o substantivo é unha palabra variable. Hai un elemento constante mestr- (lexema), e uns elementos que varían, -e, -a, -es, -as (morfemas gramaticais ligados flexivos). Estes elementos variables, morfemas, serven para indicar o xénero e o número dos nomes.
O xénero dos nomes pode ser masculino e/ou feminino.

Masculinos
Xeralmente, son masculinos:
- Os nomes de homes, animais macho e cousas que levan diante o artigo “o”: o lapis, o piñeiro, o río, o sol, etc.
- Tamén son masculinos os nomes das letras:o a, o be, o ce, o de, etc.
- Debes lembrar que son masculinos os substantivos como: o berce, o cárcere, o coral (grupo de persoas que cantan nun coro), o costume, o couce, o cume, o cuspe, o dote, o fel, o labor, o leite, o lume, o mel, o nariz, o sal, o sangue, o sinal, etc.

Femininos
Xeralmente, son femininos:
- Os nomes de mulleres, animais femia e cousas que levan diante o artigo “a”: a cadeira, a lúa, a mesa, etc.
- Son femininos tamén os cultismos rematados en -ise e -ite de orixe grega: a bronquite, a hepatite, a meninxite, etc.
- Tamén son do xénero feminino os substantivos rematados en -axe: a linguaxe, a mensaxe, a paisaxe, etc.
Ollo:
Ten en conta a excepción de “o traxe, o paxe e o garaxe”, que son masculinos, e tamén a palabra “personaxe”, que pode ser masculina ou feminina.
- Normalmente, son femininos os nomes das árbores froiteiras e mais o
seu froito:

a amendoeira . . . . . . . . . . . . a améndoa
a cerdeira . . . . . . . . . . . . . . . . . . . a cereixa
a laranxeira . . . . . . . . . . . . . . . . a laranxa
a maceira . . . . . . . . . . . . . . . . . . . a mazá
a oliveira . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . a oliva
a pereira . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . a pera

* Cando o nome da árbore é masculino tamén o é o do seu froito:
o limoeiro . . . . . . . . . . . . . . . . . . . o limón
o pexegueiro . . . . . . . . . . . . . o pexego
* Ten en conta que para esta regra hai algunhas excepcións:
o castiñeiro . . . . . . . . . . . . . . . .a castaña
a figueira . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .o figo

- Debes lembrar que son femininos os substantivos como: a agravante, a árbore, a arte, a atenuante, a calor, a canle, a cor, a dor, a orde, a orixe, a pantasma, a ponte, a reuma, a suor, etc.

Invariables en canto ao xénero
Son invariables en canto ao xénero substantivos como: o/a atleta, o/a mártir, o/a suicida, etc.

Diferenzas significativas
O xénero serve para establecer diferenzas significativas en palabras opostas por esta categoría gramatical. Cando o xénero é real (motivado), a oposición masculino/feminino responde a unha diferenciación de tipo sexual (cabalo/egua, lobo/loba, home/muller).
Cando o xénero é inmotivado (na maior parte das ocasións) a oposición xenérica implica diferenzas semánticas moi diversas. As máis frecuentes son:
  • individual/colectivo: leño / leña; ovo / ova; froito / froita, etc.
  • maior/menor: cesta / cesto; leira / leiro, etc.
  • morfoloxía diferenciada: cinseiro / cinseira; sacho / sacha, etc.
  • río/comarca: O Arnoia / A Arnoia; O Limia / A Limia, etc.
Regras de formación do feminino

O feminino dos substantivos e adxectivos fórmase comunmente coa terminación -a, que se une directamente á forma do masculino se esta acaba en consoante ou vogal tónica (deus / deusa, rapaz / rapaza, avó / avoa, cru / crúa) ou substitúe a vogal final da forma do masculino se remata en vogal átona (sobriño / sobriña, presidente / presidenta). Con todo, hai algúns casos especiais que deberemos ter en conta:

1. Nomes rematados en -n

1. Os substantivos e adxectivos que acaban en -án (<ANUM) forman o feminino en -á: ancián, anciá; artesán, artesá; capitán, capitá; chan, chá; cotián, cotiá; curmán, curmá; irmán, irmá; san, sa; temperán, temperá; van, va, etc.
Este é un dos sufixos produtivos con que conta o galego para a formación de xentilicios: afgán, afgá; alemán, alemá; castelán, castelá; catalán, catalá; coimbrán, coimbrá, e, especialmente, os referidos a entidades de
poboación galegas: aresán, aresá; arousán, arousá; arzuán, arzuá; bergantiñán, bergantiñá; caldelán, caldelá; compostelán, compostelá; etc.

2. En troques, os caracterizadores despectivos rematados en -án fórmano en -ana: charlatán, charlatana; folgazán, folgazana; galbán, galbana; lacazán, lacazana; langrán, langrana, etc.

3. Para o feminino dos rematados en -ón (león / leoa, mais lambón / lambona), forman o feminino en -oa unha serie de adxectivos e substantivos en que –ón non pode analizarse como sufixo: anfitrión, anfitrioa; bretón, bretoa; campión, campioa; ladrón, ladroa (que tamén ten un feminino ladra); león, leoa; patrón, patroa; saxón, saxoa; teutón, teutoa.

Rematan en –ón / -ona as palabras en que esta terminación é un sufixo aumentativo ou deverbal pexorativo: homón, mullerona, zapatón, casona; abusón, abusona; acusón, acusona; faltón, faltona; preguntón, preguntona, etc.

Os acabados en -ín forman o feminino en -ina, coa excepción de ruín, que é invariable: bailarín / bailarina, benxamín / benxamina, danzarín / danzarina, galopín / galopina, malandrín / malandrina; pero un viño ruín /unha terra ruín.

Os rematados en -ún difiren no seu comportamento: os adxectivos cabrún, cervún, vacún forman o feminino patrimonial cabrúa, cervúa, vacúa; común é invariable; euscaldún engade –a: euscalduna.

O único nome en -én susceptible de moción xenérica é invariable: un refén americano / unha refén americana.

2. Nomes rematados en vogal ou ditongo tónicos

Os substantivos rematados en vogal tónica tenden a engadir -a, en tanto que os adxectivos tenden a ser invariables: un avó somalí / unha avoa somalí.
Con todo, algúns substantivos son invariables: unha chimpancé adulta; entre os adxectivos, nu, cru e recrú, só e mao ‘ruín’ forman os femininos núa, crúa e recrúa, soa e má: o peixe cru / a carne crúa, un só día / unha casa soa, o ollo mao / unha má ocasión.
Presentan características morfolóxicas especiais grou / grúa, xudeu / xudía e sandeu / sandía.

3. Nomes rematados en -és

Os xentilicios que acaban en -és presentan un feminino en -esa: cambadés / cambadesa, chinés / chinesa, noruegués / norueguesa, portugués / portuguesa, romanés / romanesa.
O mesmo ocorre con outros adxectivos, coma burgués / burguesa, camoés / camoesa, canchés / canchesa montés / montesa e palmés / palmesa;
algúns, en troques, son invariables: estilo cortés / mirada cortés
4. Formacións especiais
Algunhas palabras de xénero feminino presentan terminacións especiais, sobre a mesma base léxica:
 heroe / heroína, tsar / tsarina; galo / galiña; rei / raíña; abade / abadesa; barón / baronesa; príncipe / princesa; sacerdote / sacerdotisa, profeta / profetisa, poeta / poetisa; emperador / emperatriz; actor / actriz; etc.
Algúns substantivos forman o feminino cunha palabra diferente á do masculino: o boi / a vaca; o cabalo / a egua; o can / a cadela; o pai / a nai, etc.

2.1.3. O número do substantivo

O número dos nomes pode ser singular e/ou plural. O singular nomea a unha soa persoa, animal ou cousa: unha cadela, un balcón, o neno, etc. O plural nomea a máis dunha persoa, animal ou cousa: dúas cadelas, varios balcóns, uns nenos, etc.
Case que todos os nomes teñen singular e plural, pero hai unha serie de substantivos que son invariables en canto ao número.
- Nomes que só se usan en singular: millo, prata (metal), ouro, etc.
- Nomes que só se usan en plural: os anteollos, as tenaces, as cirolas, as tesoiras, etc.
- Nomes que son invariables en canto ao número: o/os bíceps, o/os clímax; o/os fax; o/os luns, o/os lapis, o/os martes, o/os oasis, o/os télex; o/os tórax, etc.

Regras de formación do plural

1. Palabras rematadas en vogal, en ditongo ou en -n
As palabras rematadas en vogal, tónica ou átona, en ditongo ou en -n forman o plural engadindo -s: mesa, mesas; café, cafés; israelí, israelís; can, cans; dolmen, dolmens, etc.
Os estranxeirismos acabados en vogal forman o plural engadindo -s ou ben respectando a forma de plural da lingua de orixe: spray, sprays; hippy, hippys ou hippies.

2. Palabras rematadas en -r e -z
As rematadas en -r e -z engaden o morfema -es sobre o singular: mar, mares; calor, calores; luz, luces.
Os estranxeirismos adecúanse á regra xeral (palier, palieres; somier, somieres; húsar, húsares; dólar, dólares...), a non ser algúns casos de palabras pouco integradas, que poden formar o plural engadindo -s: póster, pósteres ou pósters; gángster, gángsteres ou gángsters; júnior, júniores ou júniors.

3. Palabras rematadas en -s e -x [ks]
  • As agudas acabadas en -s forman o plural engadindo -es: deus, deuses; compás, compases, a non ser as que rematan en grupo consonántico (incluíndo entre estas as acabadas en -x [ks]): luns, fax, lux, unisex, que permanecen invariables.
  • As graves e esdrúxulas acabadas en -s ou -x [ks] son invariables e presentan, xa que logo, a mesma forma no singular e no plural: choromicas, lapis, martes, oasis, xoves, mércores, bíceps, tórax, clímax, télex, etc.
4. Palabras rematadas en -l


  • Os monosílabos rematados en -l engaden o morfema -es: cal, cales; el, eles; til, tiles; val, vales; vil, viles; xel, xeles, etc.
  • Nas palabras agudas de máis dunha sílaba, o -l do singular substitúese polo morfema -is: animal, animais; aval, avais; papel, papeis; azul, azuis. Téñase en conta que nos acabados en -il a secuencia antiga -íis se resolve en - ís (cadrís, non *cadríis).
  • As palabras compostas en que o segundo elemento é algún dos monosílabos citados máis arriba fan o plural en -les (ollomoles, chuchameles, papasoles, mirasoles, Miravales...). 
  • O plural de aquel é aqueles, pola mesma razón indicada para el, eles.
  • A pesar da súa aparencia, caracol e aerosol non son compostos de col e sol. Os seus plurais son, xa que logo, regulares: caracois e aerosois. 
  • As palabras graves rematadas en -l forman o plural engadindo o morfema -es: áxil, áxiles; difícil, difíciles; útil, útiles; túnel, túneles; cónsul, cónsules; etc. Exceptúase desta regra a terminación -bel, que fai o plural en – beis: amábel, amábeis.

5. Palabras rematadas noutras consoantes
As voces acabadas en consoantes distintas das vistas son as máis delas estranxeirismos ou cultismos, e forman o plural engadindo -s: club, clubs; frac, fracs; crómlech, crómlechs; lord, lords; búmerang, búmerangs; álbum, álbums; clip, clips; robot, robots; trust, trusts; leitmotiv, leitmotivs.


  • 2.2. O adxectivo

2.2.1. Definición
O adxectivo é unha clase de palabras variables que expresan propiedades ou características dos substantivos. Por exemplo, en casa pequena, o adxectivo pequena remite a unha calidade de tamaño.
Desde o punto de vista do seu significado, clasifícase en:

  • -- cualificativo: indica calidades. A mesa verde.
  • -- de relación: indica pertenza ou relación con respecto ao nome ao que complementan: nervio ocular. Non admiten grao e non se poden antepoñer ao substantivo. Entre eles, podemos atopar os xentilicios:catalán, francés, etc.
  • -- cuasideterminativo: o seu significado está moi relacionado co dos determinantes: último, seguinte, etc.

Desde o punto de vista da relación co nome que complementa:

  • -- Adxectivo especificativo ou restritivo: delimita a extensión significativa do substantivo e distíngueo doutros posibles. Quero un bolígrafo verde (de ningunha outra cor). O adxectivo delimita unha subclase dentro da clase bolígrafos.


  • -- Adxectivo explicativo, epíteto ou non restritivo: engade unha nota explicativa que non di nada novo con relación ao substantivo que acompaña: neve branca, sorriso ledo, etc. Estes adxectivos non delimitan subclases senón que describen toda a clase de elementos sinalados polo substantivo.

Ás veces a posición do adxectivo con respecto á palabra é significativo: se vai anteposto, trátase dun adxectivo explicativo: cortaron as secas árbores (todas); se vai posposto, trátase dun adxectivo especificativo: cortaron as árbores secas (só as secas).

Un adxectivo é explicativo se vai entre comas: as árbores, altas, movíanse co vento (todas); as árbores altas movíanse co vento (só as altas).
Desde o punto de vista sintáctico ou funcional, o adxectivo é o núcleo (N) da frase adxectiva (Fadx), grupo de palabras que posúen como elemento central o adxectivo e que, ademais, pode estar formado por un modificador (MOD). En doadas de facer (Fadx), doadas actúa como núcleo e aparece modificado por de facer.
Formalmente, é unha unidade léxica variable que, por medio da concordancia, admite o xénero e o número do substantivo ou substantivos que acompaña. Está constituído por un lexema a uns morfemas de xénero e
número:
Exemplos:
- A nena loura: lour (lexema) -a (morfema de xénero) -Ø (morfema de número)
- O neno louro: lour (lexema) -o (morfema de xénero) -Ø (morfema de número)
- As nenas louras: lour (lexema) -a (morfema de xénero) -s (morfema de número)
- Os nenos louros: lour (lexema) -o (morfema de xénero) -s (morfema de número)
Se atopamos dous ou máis substantivos do mesmo xénero en singular, o adxectivo que os acompañe terá que ir en plural co mesmo xénero: tomate e pemento vermellos
Se atopamos dous ou máis substantivos en singular ou en plural e de xénero diferente, o adxectivo ponse en plural masculino: tomate e leituga frescos; tomates e leitugas frescos.
Hai algúns adxectivos que non varían de xénero.
Exemplos:
- A casa grande / O cuarto grande
- A rúa intransitable / O carreiro intransitable
- A pera doce / O figo doce
Outros, os que rematan en -s e non son palabras agudas, non varían no plural: unha comida gratis, dúas comidas gratis.
Os adxectivos son os determinantes cualificadores por excelencia; agora ben, na lingua existen outros procedementos que poden funcionar como adxectivos e que, polo tanto, cualifican os substantivos: casa rural (F adx.), casa de pedra (F prep.), casa que merquei (CL relat.), casa cuartel (F subst.)

2.2.2. Graos do adxectivo
A calidade que se lle adxudica ao substantivo por medio do adxectivo admite unha gradación. Fíxate nos exemplos:
- A pera estaba doce.
- A pera era máis doce ca a mazá / cá mazá.
- A pera estaba docísima.

Segundo podes ver, o adxectivo ten tres graos:

  • 1. O grao positivo: expresa a calidade sen indicar intensidade nin establecer comparacións.

Exemplos:
- A pera estaba doce.
- Quero leite morno.

  • 2. O grao comparativo: expresa a calidade comparándoa coa doutros seres. Realízase por dous procedementos, analíticos e sintéticos:
  • - Comparativo de igualdade: fórmase coa expresión tan/tanto...coma/como. Exemplos:

- A pera estaba tan doce como o mel.
- O meu pai traballaba tanto coma min.
- Riu tanto como chorou con aquela novela.

  • - Comparativo de inferioridade: fórmase coas expresións menos...ca/que/do que. Exemplos:

- A pera estaba menos doce có figo (ca + o).
- Agora mesmo non sei se é menos estudoso ca eles.
- O resultado do partido foi menos bo do que esperabamos.

  • - Comparativo de superioridade: pódese formar a través de procedementos sintéticos ou analíticos. Cando o adxectivo aparece cuantificado a través de adverbios de cantidade ou mediante locucións, e polo tanto a comparación se expresa a través de varias palabras, estamos ante os procedementos analíticos: Fórmase coas expresións máis...ca/que/do que. Exemplos:

- A pera estaba máis doce cá mazá (ca + a).
- Ten menos soldo e traballa máis ca nós.
- Estudei para o exame máis do que ti pensas.
                   Os procedementos sintéticos refírense a aquel conxunto de adxectivos que poden establecer unha comparación de superioridade cunha soa palabra: son, mellor, peor, menor, maior, superior. Exemplo: este libro é mellor ca aquel.
* Nos comparativos de igualdade, superioridade e inferioridade: Empregaremos obrigatoriamente ca e coma cando o segundo termo da comparación é un pronome persoal:
- É tan noitébrego coma ti, facedes boa parella.
Empregaremos obrigatoriamente como e do que cando o segundo termo da comparación é unha oración:
- Creo que é menos interesante do que ti pensas.
No resto dos casos empregaremos indistintamente ca/que e coma/como:
- Esa película resulta máis entretida ca/que esoutra.
- Este libro é tan interesante como/coma ese.

  • 3. O grao superlativo: expresa que o ser ou obxecto ao que nos referimos posúe a calidade no seu grao máis alto ou posuída en grao superior á dos demais substantivos (superlativos absolutos) do seu mesmo colectivo ou grupo (superlativos relativos). Superlativo absoluto: fórmase co adverbio de cantidade moi ou de modo ben, cos sufixos -ísimo ou -érrimo, coa repetición do adxectivo ou outros procedementos formais.

Exemplos:
- A pera é docísima.
- A pera é moi doce.
- A pera é doce, doce como o mel.
- A pera é ben doce.
                                                                   Superlativo relativo: fórmase mediante un artigo seguido dun adverbio de cantidade (máis ou menos) máis un adxectivo máis un complemento introducido pola preposición de. O máis elegante de todos, A pera é a máis doce das froitas. Tamén se forma mediante un artigo e un comparativo sintético seguido de preposición: é o mellor de todos.

Nos adxectivos rematados en -ble ou –bel este superlativo ten sempre a terminación -bilísimo: amable ou amábel, amabilísimo; estable ou estábel, estabilísimo.